Santiago, 3 de decembro de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Parlamento que “Galicia adiantouse ao Parlamento Europeo na declaración do estado de emerxencia climática nesta comunidade autónoma, logo da aprobación dunha resolución do PPdeG no último Debate sobre o Estado da Autonomía á que non se sumaron os grupos da oposición”.
Gonzalo Trenor afirmou que “o cambio climático é unha realidade incuestionable e Galicia está preparada para afrontar este reto, coa aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2030, que inclúe 170 medidas coas cales se mobilizarán máis de 1.250 millóns de euros para o período 2019-2023”.
INSTRUMENTO PLANIFICADOR
Neste sentido, criticou que os grupos da oposición “pidan agora no Parlamento que se declare a Galicia como país en risco de emerxencia climática, cando non foron quen de apoiar no último Debate sobre o Estado da Autonomía a resolución aprobada do Grupo Popular que insta á Xunta a declarar o estado de emerxencia climática en Galicia”.
Na súa intervención, Trenor explicou que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 “será o instrumento planificador na loita fronte ao cambio climático e a transición enerxética”. En concreto, apuntou que “servirá para establecer as grandes liñas de acción na loita contra o cambio climático desde unha perspectiva rexional, centrada en Galicia, permitindo tamén contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global nesa materia”.
O portavoz popular manifestou que esta estratexia estrutúrase arredor de 4 ámbitos de actuación: mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro, adaptación aos seus impactos, investigación e innovación, e a dimensión social, gobernanza e sensibilización. “Cada un destes ámbitos leva aparellado unha serie de obxectivos que teñen medidas concretas, moitas de carácter transversal e nas que se implican case todos os departamentos da Xunta”, apuntou.
Gonzalo Trenor salientou que Galicia é, desde o pasado mes de outubro, unha das poucas comunidades autónomas que ten aprobada xa a súa propia folla de ruta, ambiciosa, multidisciplinar, e froito dun verdadeiro proceso participativo, de 690 persoas de diferentes ámbitos, como a universidade, os sindicatos, a administración ou os centros de investigación”.