Santiago, 12 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta a Xunta a elaborar unha guía con actuacións para acadar vivendas intelixentes, con especial orientación a mellora dos aspectos de sostenibilidade e eficiencia enerxética das mesmas.
“As vivendas do futuro perseguirán o obxectivo de utilizar enerxías renovables e ser parte activa por facer do planeta un lugar máis limpo, sostible e accesible”, sinalou o portavoz de Vivenda, Jaime Castiñeira.
Na súa intervención, Castiñeira sinalou que “a automatización dos servizos de xestión enerxética, seguridade, benestar e comunicación mediante sistemas informáticos, así como a autonomía enerxética das edificacións mediante a aplicación de tecnoloxías capaces de xerar, almacenar e aforrar enerxía, está a ser un dos obxectivos dos novos proxectos de vivendas”.
EDIFICIOS MÁIS SOSTIBLES
Ademais, o portavoz popular lembrou que estes novos proxectos de vivendas deben de contar con espazos accesibles para facilitar a recarga eléctrica de coches, bicicletas e outros dispositivos de transporte. “As azoteas serán xardíns urbanos, nos que a accesibilidade e os paneis solares serán case unha obriga, todo elo dirixido a conseguir edificios máis sostibles”, apuntou.
Dentro desta sostenibilidade, Jaime Castiñeira manifestou que “a aposta pola rehabilitación debe de ocupar un espazo destacado, coa adaptación das vivendas obsoletas á demanda de hoxe, facéndoas máis flexibles, conectadas, sostibles, personalizadas e accesibles para usuarios que evolucionan e demandan novos servizos”.
Esta nova guía para a consecución de vivendas intelixentes sumarase ás guías xa existentes para a mellora das vivendas, cunha especial incidencia na eficiencia enerxética e nas medidas destinadas ao aforro de enerxía, ou con recomendacións para a eliminación e mitigación do gas radón nas vivendas. “Esta nova guía servirá non só para profesionais, senón tamén para autopromocións ou para que os futuros compradores dispoñan de toda a información necesaria para facer a súa vivenda intelixente”, apuntou Jaime Castiñeira.