Santiago, 18 de decembro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, demandou hoxe ao Goberno central que “cumpra coa Lei 4/2019 de mellora das condicións para o desempeño da docencia e da ensinanza no ámbito da educación non universitaria, establecemento un marco de financiamento adecuado e suficiente”.
María Antón criticou que o Goberno socialista “dispara con pólvora do rei, porque fai recomendacións que inciden directamente nos orzamentos das comunidades autónomas, co único obxectivo de quedar ben co colectivo docente”.
REVERTIR ÁS MEDIDAS
Neste sentido, lembrou que “o Goberno do PP viuse obrigado a tomar medidas drásticas nun momento conxuntural de crise pero, no momento que se iniciou a recuperación a partir de 2016, devolveu a taxa de reposición de profesionais docentes ao 100 por cento, unha medida que redunda na ratio alumno/aula porque devolve a norma ao establecido na Lei Orgánica de Educación”.
A portavoz popular salientou que “Galicia é a comunidade coa media máis baixa de alumnos por profesor, sen que se incrementara en ningún momento a ratio establecida na LOE”. “Isto foi posible porque a Xunta, sen modificar o catálogo de persoal docente, recuperou un horario que fora reducido polo Goberno bipartito, o que permitiu que o alumnado do sistema educativo galego tivese máis horas de atención educativa, ao tempo que se incrementaba o número de profesionais de atención á diversidade”, apuntou.
Antón Vilasánchez subliñou que “polos resultados de todos os informes, como o recente informe PISA, ao ensino público galego non lle vai mal”. Deste xeito, engadiu que “a calidade do noso ensino público está garantida e a Consellería seguirá traballando, en permanente diálogo con todos os sectores, para que Galicia siga sendo un referente no ámbito do ensino público”.