Santiago, 18 de decembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo afirmou hoxe que o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia, que entrará en vigor en 2020, permitirá “diminuír o impacto que o padecemento dun trastorno mental xera nas persoas que o presentan e nas súas familias”.
Encarna Amigo manifestou que “os rápidos cambios sociais, as condicións de traballo estresantes, a discriminación de xénero, a exclusión social, os estilos de vida pouco saudables, o baixo nivel educativo, a violencia e a mala saúde física son factores de risco para o desenvolvemento de trastornos mentais”.
“O Sergas, atento ás necesidades dos galegos, valora esta problemática e creou hai varios meses un grupo de traballo ao que se lle encargou a elaboración do Plan Estratéxico de Saúde Mental”, sinalou a deputada popular.
O obxectivo, como avanzou o conselleiro na súa comparecencia en Comisión no Parlamento para presentar os orzamentos de 2020, é aprobar o vindeiro ano o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2023, que contará con cinco liñas estratéxicas e 112 proxectos para mellorar a calidade dos servizos prestados en materia de asistencia sanitaria.
“Este plan, traballado, meditado e elaborado por especialistas, recolle o desenvolvemento de programas e recursos para a atención á saúde mental, a promoción da investigación e a innovación”, engadiu Encarna Amigo.