31, decembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou o ton de moderación, responsabilidade, unidade e estabilidade do presidente da Xunta, no seu tradicional discurso de fin de ano; ao tempo que fixo fincapé no modelo de convivencia e integrador do Goberno galego, fronte a modelos que avogan pola fractura e a exclusión.
Neste punto, puxo en valor a política con maiúsculas de Galicia, a que mira polo ben común e pon o benestar dos galegos e o avance do país por riba de todo; e contrapúxoa coas políticas que se centran nas ambicións persoais e nos intereses duns poucos e que supoñen a parálise.
O número dous do PPdeG recalcou que, mentres o presidente Feijóo se preocupa polos galegos, o Goberno central se centra única e exclusivamente nas demandas de populistas e independentistas. Un executivo, apuntou, refén dos seus socios de investidura e que agravia de forma constante e reiterada a Galicia. Unha Comunidade, indicou Tellado, sempre leal co Estado e cumpridora nas súas obrigas. Neste senso, engadiu que moitos galegos que non votan ao Partido Popular están orgullosos de Feijóo, mentres que moitos españois que si votan ao PSOE non o están de Pedro Sánchez.
Así, afeou, ao igual que o presidente da Xunta, a política errática de Pedro Sánchez e que prexudica a Galicia, non só no eido das infraestruturas -tal e como se pon de manifesto no incumprimento dos prazos do AVE-, senón tamén no ámbito industrial e laboral; e incidiu no peche da central térmica das Pontes e no prexuízo para as 750 familias que dependen da fábrica, así como para a actividade económica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Neste punto, tamén se referiu aos traballadores de Alcoa e dos estaleiros galegos, así como de todos aqueles que están padecendo as interpretacións laborais desa política errática que practica o Goberno do PSOE.
Para o dirixente popular, é un discurso que afonda na importancia de afrontar unidos os retos do futuro, en lugar de optar pola desunión e a confrontación. Un exemplo dese traballo unido é o gran salto cualitativo que o ensino público galego protagonizou nos últimos anos, tal e como reflicte o último informe PISA.
Así mesmo, Tellado destacou a sensibilidade de Feijóo con aqueles galegos que están a pasar por situacións de dificultades e remarcou os esforzos da Xunta por poñer os cimentos da Galicia da vindeira década, con máis oportunidades, máis verde e innovadora e con máis e mellores servizos para as familias e a mocidade; e que, do mesmo xeito, está a traballar xa no Ano Santo 2021, co fin de que sexa o mellor Xacobeo da historia.