Santiago, 12 de novembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que a falta de pago da débeda do Goberno central coas comunidades autónomas “tivo como consecuencias recortes, máis déficit e o retraso no pago aos provedores”.
Neste sentido, asegurou que o Goberno socialista “pode pagar esta débeda, como o demostra o feito de que aprobara un decreto en plena precampaña electoral” e sinalou que “non é un problema legal, senón un uso partidista das institucións e dos recursos que corresponden ás comunidades autónomas”.
Pedro Puy cualificou de “situación inédita porque é a primeira vez que non se paga” as entregas a conta ás comunidades autónomas, a mensualidade do IVE pendente de 2017 e as compensacións ás comunidades cumpridoras. No caso de Galicia, esta débeda ascende a 700 millóns de euros, “dos que aínda non recibimos nada, a pesar de que o Goberno socialista xa aprobou en precampaña electoral o abono dos 330 millóns das entregas a conta”.
O PSOE, A XUSTIFICAR O INCUMPRIMENTO
Deste xeito, criticou aos socialistas galegos “por xustificar o incumprimento dos seus representantes no Goberno central, mesmo acusando ao Presidente da Xunta de facer teatrillo ao solicitar o pago desta débeda”. “Quen está facendo teatrillo era quen dicía que non se podía pagar porque había un goberno en funcións”, puntualizou.
“Galicia foi pioneira na solicitude do pago das entregas a conta”, salientou Pedro Puy, quen anotou que a esta demanda posteriormente se sumaron as demais comunidades autónomas, que teñen pendente de recibir máis de 5.000 millóns de euros por este concepto.
Respecto do pago da mensualidade do IVE pendente, Puy lembrou o compromiso avanzado ao Presidente Feijóo pola ministra Montoro no mes de agosto de 2018 de abonar os 200 millóns de euros”, incumprido totalmente a día de hoxe. Neste sentido, lembrou que, segundo a AIReF, esta falta de pago “está a empeorar as cifras de déficit das comunidades autónomas o 0,2 do PIB”, polo que manifestou que “non é necesario un cambio de lexislación, senón que o Goberno central queira arranxar o problema e non apropiarse de recursos das comunidades autónomas”.
O portavoz popular indicou que “a lexislación vixente xa permite o pago das entregas a conta por parte dun Goberno en funcións, xa que, segundo o recolleu o Tribunal Constitucional, está permitido adaptar créditos nos orzamentos prorrogados para o pago de obrigas previas”.