Santiago, 15 de novembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe dúas proposicións non de lei dirixidas a mellorar a loita contra os incendios forestais.
A primeira delas ten como obxectivo que a Xunta inclúa no convenio de xestión de faixas secundarias unha modalidade de actuación para que o sistema público de xestión da biomasa poida realizar como mínimo 5 hectáreas de actuacións subsidiarias a petición de calquera concello adherido, mentres que a segunda solicita a declaración de perímetros de alto risco e a realización das actuacións preventivas pertinentes naqueles casos nos que o nivel de risco de propagación do lume sexa elevado.
O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Moisés Blanco, lembrou que “a Lei de incendios establece a obriga de limpar as faixas secundarias de protección aos seus propietarios, que tiñan de prazo ata o pasado 31 de maio para realizar estas actuacións e despois desa data a competencia era dos concellos de forma subsidiaria”.
CONVENIO DE PROTECCIÓN
“Porén, a Xunta é consciente de que moitos concellos teñen dificultades para realizar este tipo de traballos nas súas parcelas, polo que a Consellería do Medio Rural foi máis alá e implementou un convenio de protección das aldeas co fin de axudarlles nestes traballos de limpeza”, explicou Moisés Blanco. Na actualidade, máis de 240 concellos xa solicitaron adherirse a este acordo, que suporá un investimento de 36,7 millóns de euros, dos cales a Xunta aporta 28 millóns.
O sistema público de xestión de biomasa creado con este convenio actuará ao longo de 2019 en preto de 700 aldeas de 70 parroquias priorizadas e seleccionadas de Galicia mediante a limpeza das faixas secundarias, estando previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano e chegar a 16.000 no 2022.
“Esta actuación forma parte das medidas que a Xunta de Galicia está a poñer a disposición dos concellos galegos para a loita contra os incendios forestais, entre as que figuran o Programa Xesbío, a elaboración dos plans municipais antiincendios e o visor das franxas próximas ás vivendas”, indicou o portavoz popular.
Moisés Blanco subliñou que facilitar a xestión das franxas secundarias “é unha medida que vai permitir unha actuación importante no territorio e unha ferramenta moi valiosa en mans dos concellos de Galicia para promover o cumprimento da lei en canto a seguridade dos núcleos de poboación de Galicia”. “Consideramos necesario que os concellos poidan levar a cabo accións subsidiarias naqueles casos en que sexa necesario debido ao risco especial pola situación estratéxica das parcelas ou a efectos exemplarizantes, pero que por falta de recursos económicos ou administrativos non poidan realizar”, apuntou.
PERÍMETROS DE ALTO RISCO
Así mesmo, na Comisión 7ª celebrada hoxe no Parlamento galego tamén se aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que promova a declaración de perímetros de alto risco e realice as actuacións preventivas pertinentes naqueles casos nos que o nivel de risco de propagación do lume sexa elevado.
Moisés Blanco explicou que como perímetros de alto risco enténdense aquelas paraxes nas que o estado de abandono signifique un alto risco de propagación de incendios forestais. “A declaración de perímetros de alto risco permitirá actuar en parcelas e montes de xestión privada, fora das faixas de protección e en comunidades de propietarios que non estean constituídas ou non teñan unha xunta xestora funcionando”, sinalou o deputado popular, quen engadiu que “o custo desta actuación correría a cargo da administración, similar ás ordes de axudas para traballos de silvicultura ou accións no ámbito forestal”.
“Trátase de zonas que a administración pode considerar como estratéxicas de prevención, porque arden case todos os anos, ou por estar cerca de núcleos de poboación o estradas, por exemplo”, manifestou.