Santiago, 2 de outubro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta reforce o vindeiro ano 2020 as medidas de apoio ao relevo xeracional en favor das traballadoras e traballadores autónomos, mantendo o diálogo e o consenso coas asociacións máis representativas do colectivo ao abeiro da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia.
“Falar de emprego e falar do grupo socialista o único que ocasiona é un curtocircuíto, que deu lugar ao maior apagón que sofre a industria galega”, manifestou.
No debate dunha proposición non de lei do Grupo Socialista sobre os autónomos, Sandra Vázquez lembrou que “en Galicia hai 220.296 traballadores por conta propia, o que supón un de cada cinco traballadores galegos”. “Somos a primeira comunidade con maior peso deste colectivo no total de afiliacións, máis de tres puntos por enriba da media española; e Galicia é un referente cando se fala de consolidación do emprego autónomo, xa que o 73 por cento destes traballadores leva máis de tres anos neste réxime, seis puntos por enriba da media estatal”, indicou.
SEGUIR REFORZANDO AO AUTÓNOMO
“Seguiremos reforzando a Estratexia Autónomo 2020 con medidas para favorecer a conciliación, o fortalecemento do seu negocio e a contratación indefinida de persoas asalariadas”, sinalou a deputada popular, “pero sempre de xeito consensuado co sector a través da Mesa do Autónomo”. “O que fai o Goberno galego é sentarse cos axentes afectados para acadar e consensuar os obxectivos que eles creen máis necesarios”, apuntou.
Sandra Vázquez criticou que os socialistas “veñan ao Parlamento a falar de emprego, cando son o grupo que lle dou a maior das navalladas á nosa industria e á nosa economía”. Así, afirmou que “en 15 meses lograron a nivel nacional a maior inestabilidade política, a maior inestabilidade industrial e a maior inestabilidade institucional”
“Poñen en risco industrias como Alcoa, Endesa, Meirama, PSA, Ferroatlántica, Ence ou o sector naval, ocasionando o maior descalabro en materia de emprego e non só afectando aos empregos directos senón a todos aqueles autónomos que dependen destas factorías”, subliñou.