Santiago, 8 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado afirmou hoxe que a futura lei para o sistema integrado de xestión de dexeccións gandeiras de Galicia “xerará un novo modelo altamente comprometido, respectuoso co medio ambiente, eficiente e transparente”.
Carlos Gómez lembrou que a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, “presentou na última reunión da Mesa da Limia unha serie de medidas e actuacións para evitar danos medioambientais derivados dunha inadecuada xestión dos xurros, que regulen o acopio, transporte e aplicación dos mesmos, complementando esta regulación cun sistema de procesamento a través de plantas de xestión ambiental, para encamiñar a esta comarca ourensá e a outras zonas gandeiras de Galicia cara a unha produción rendible, sustentable e respectuosa co medio ambiente”.
COMPROMISOS
Entre os compromisos que presentou a Consellería do Medio Rural nesta reunión da Mesa da Limia do pasado 20 de setembro figuran un Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que sirva de ferramenta de análise e diagnose da situación actual desta comarca e do enfoque das futuras oportunidades; e un plan de formación agrogandeira para a Limia, que abordará, entre outras cuestións, as consecuencias da alteración da calidade das augas derivado dos vertidos procedentes da gandería polo inadecuado tratamento das dexeccións animais ou pola escorrenta de nutrientes, praguicidas e herbicidas agrícolas.
“Un terceiro compromiso foi a presentación da nova lei para o sistema integrado de xestión de dexeccións gandeiras de Galicia, un sistema integrado, coordinado e homoxéneo que incorpore a regulación e o control por parte das explotacións”, sinalou o deputado popular. En concreto, explicou que “se implantarán nunha primeira fase catro centros de xestión ambientais en Galicia para o tratamento de dexeccións gandeiras: o primeiro na Limia, que virán complementar a próxima reapertura da planta de Sarreaus”.
“Estas plantas permitirán protexer o medio ambiente e reducir a pegada do carbono, descontaminando os solos e os acuíferos, e sobre todo blindar os sectores do leite, da carne e dos produtos agroalimentarios galegos cara unha economía verde, rendible e respectuosa co medio ambiente”, apuntou.
Para rematar, Gómez Salgado puxo en valor, como unha ferramenta que conta coa participación, suxestións e achegas de todos os sectores, a creación desta Mesa da Limia, “confiando na responsabilidade e compromiso dos seus compoñentes, que representan unha vía transversal eficaz e participativa na análise e busca de solucións a casuística e aos problemas que se presentan nesta comarca”