Santiago, 9 de outubro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, salientou hoxe, tomando os datos do Informe PISA, que “Galicia conta co sistema educativo con máis equidade de España, é dicir, aquel no que a situación socioeconómica do alumnado inflúe menos nos seus resultados”.
“Este dato avala as políticas educativas do PPdeG que cada ano destina importantes recursos para que a renda non sexa un factor de exclusión”, engadiu.
María Antón lembrou que o sistema educativo de Galicia conta con gratuidade do transporte escolar, con máis de 88.000 usuarios; pago dos comedores escolares segundo a renda familiar, onde o 74,5 por cento dos usuarios utilizaron este servizo de balde e o 7,2 por cento pagaron un euro ao día; e gratuidade solidaria dos libros de texto, ben a través de axudas ou do fondo solidario, que no pasado curso beneficiou a máis de 108.000 alumnos.
Sobre este último punto, a portavoz popular criticou que a oposición “persiste en volver ao sistema bipartito, que saben que non era gratuíto total, porque as familias tamén tiñan que pagar para mercar libros de texto; por non falar da pésima xestión deste servizo, que obrigou a contratar unha empresa”.
“Pero hai máis que libros, porque desde o curso 2014-2015 a Xunta está a introducir a educación dixital nas aulas, no convencemento de que favorece a igualdade de oportunidades e a creatividade das xeracións máis novas, así como a súa competitividade na actual sociedade global e prepara aos futuros profesionais para dar resposta aos novos retos”, apuntou.