Santiago, 9 de outubro de 2019.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, dentro da futura lei reguladora dos xogos de Galicia, cree un Observatorio Galego de Xogos, que elabore un protocolo de menores en materia de xogo, así como un informe anual sobre a situación deste sector na Comunidade galega.
Así mesmo, incorporouse a emenda do BNG que solicita a presentación deste proxecto lei no Parlamento para proceder á súa tramitación.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, concretou que este Observatorio Galego de Xogos “funcionará como un órgano colexiado no que estean representadas as consellerías con competencias e intereses nesta materia, e será o encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo”. “A información que recolla este organismo a través dos seus estudos e informes servirá para adaptar as políticas administrativas en materia de xogo responsable e permitirá adoptar medidas concretas e eficaces en materia de prevención do xogo nos menores e nos colectivos de persoas con problemas de adición.
Paula Prado explicou que a nova Lei do xogo de Galicia nace co obxectivo de “adecuar a normativa galega neste ámbito á realidade actual do sector en España, de xeito que responsa ás necesidades actuais e sexa formulada co máximo grao de consenso, de xeito que se posibilite un axeitado desenvolvemento desta actividade respectando os dereitos que puideran verse afectados pola mesma, en particular os grupos máis vulnerables”.
“A modificación da actual normativa do xogo pasa por abordar aspectos nos que amosa carencias e dificultades de interpretación, como a publicidade, a regulación das contías das fianzas que deben prestar as empresas ou modificacións no réxime sancionador, co obxecto de mellorar a protección dos e das menores e do colectivo de persoas ludópatas”, apuntou.
NON PODEMOS MIRAR CARA OUTRO LADO
Así mesmo, afirmou que “non podemos mirar cara outro lado como se non tivéramos un problema, derivado do incremento de locais de xogo, as máquinas de apostas espalladas polos locais de hostalería, a publicidade agresiva ou as campañas de márketing utilizando a imaxe de deportivas ou actores de moda que están facendo moito dano na nosa xuventude”. “A pesar de que a lei prohibe o acceso de menores a estes locais ou máquinas, un estudo publicado recentemente en Galicia indica que o 20 por cento dos mozos entre 14 e 16 anos recoñece ter xogado algunha vez”, apuntou.
Diante desta situación, a viceportavoz popular sinalou que “as administracións públicas deben articular as medidas necesarias que permitan que a poboación galega xogue sen problemas, ao mesmo tempo que os colectivos vulnerables reduzan a probabilidade de desenvolver un problema ou recaer nel”. “Para isto, cómpre habilitar ás administracións das ferramentas lexislativas que permitan promover na poboación patróns de xogo baseados en eleccións informadas que se manteñan dentro duns límites de tempo e diñeiro investidos asequibles, en equilibrio coas demais actividades da vida diaria e que non xeren problemas asociados”, concretou.
Paula Prado criticou que no debate parlamentario “o Grupo Socialista deixara claro a súa postura contraria a este anteproxecto de lei no que a Xunta xa leva traballando varios meses, chegando incluso a absterse na votación logo de presentar unha emenda que directamente solicitaba retirar o anteproxecto da nova lei de xogo de Galicia”.