Monforte, 16 de outubro de 2019. As deputadas autonómicas Raquel Arias e Julia Rodríguez e a deputada provincial e alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, mantiveron hoxe unha xuntanza con rexedores e voceiros do PP da zona sur de Lugo para abordar a situación das conexións ferroviarias da provincia. Un encontro no que os asistentes amosaron a súa preocupación pola “constante precarización” dos servizos ferroviarios que afectan aos lucenses, derivado “da falta de prazas para longa distancia, das deficiencias nas infraestruturas, da ausencia de plans que melloren a conectividade da provincia con Galicia e co resto de España ou do incumprimento dos prazos para a chegada do AVE”.
A día de hoxe, a máxima preocupación dos populares lucenses son as probas que está realizando Renfe na liña Galicia-Barcelona co obxectivo de substituír tanto as locomotoras como os vagóns por modelos “máis vellos, máis lentos e de inferior calidade” que xa sufriron avarías, cos consecuentes retrasos para os usuarios.
Desta maneira, deputadas, alcaldes e voceiros acordaron facer forza para frear estes cambios presentando iniciativas, tanto no Parlamento galego como na Deputación de Lugo. “Non se pode permitir que as liñas que pasan pola provincia sexan o desguace de Renfe, onde se reutilizan as máquinas e vagóns que non queren noutras partes de España”, denuncian os populares.
Na iniciativa solicitarán que o Goberno de Sánchez “deixe de discriminar e prexudican aos lucense, desistindo de implantar calquera modificación que represente un incremento no tempo da viaxe e/ou a diminución do confort dos viaxeiros no tren nocturno que une Galicia con Barcelona”.
“Non entendemos que o PSOE queira deixar aos lucenses con trens de segunda e que non se adaptan ao modelo ferroviario que cabería agardar no século XXI, no que a alta velocidade é unha realidade xa en moitos territorios”, manifestaron.
LOCOMOTORAS DE MERCADORÍAS E VAGÓNS ANTIGOS
Os cambios que agora se están probando suporían que o Trenhotel nocturno que une Lugo e Monforte con Barcelona pasase a circular con locomotoras de mercadorías. Unha modificación que, segundo expuxeron os populares, elevaría o tempo de viaxe nunhas dúas horas adicionais e poría en risco o funcionamento de certos servizos ao tratarse de cabeceiras non comerciais sen capacidade para xerar electricidade e abastecer aos vagóns de climatización e luz. Tamén se substituirían os actuais vagóns por outros dun modelo Talgo máis antigo, menos confortables para o viaxeiro.
“Non imos permitir que haxa un retroceso, en todo caso teriamos que estar falando de melloras e avances nunha liña de longa distancia que une todo o norte de España”, coincidiron os populares, que nas súas iniciativas tamén reclaman ao Goberno do Estado actuacións de mellora nas conexións entre Galicia e Barcelona, tanto nas frecuencias como na duración da viaxe e no confort dos pasaxeiros.