Santiago, 22 de outubro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que o anteproxecto de Lei reguladora dos xogos no que está traballando a Xunta “é moito máis completo que o defendido polo Grupo Común de Esquerdas, xa que recolle moitas das súas medidas, ademais de incorporar as alegacións dos colectivos que participaron no trámite de información pública”.
Paula Prado sinalou que o anteproxecto de lei “pretende axustar a normativa existente na materia á realidade actual, introducindo maiores controis de acceso ao xogo por parte de menores, maiores restricións en materia de publicidade no xogo presencial, actualizar o réxime sancionador, medidas de planificación dos establecementos de xogo e das máquinas recreativas e de apostas, así como recoller principios reitores da actividade de xogo e políticas de xogo responsables”.
PRINCIPIOS REITORES
Así mesmo, dixo que o anteproxecto de Lei “establece uns principios reitores das actuacións en materia de xogo, como o principio de protección das persoas menores de idade e das que teñan reducidas as súas capacidades, así como as persoas con problemas de adición ao xogo; o principio de transparencia no desenvolvemento dos xogos, de garantía do pago dos premios e de prevención de fraudes, de prevención de prexuízos a terceiras persoas, de intervención e control por parte da Administración, de respecto ás regras básicas dunha política de xogo responsable, de seguridade xurídica e de fomento do emprego estable e de calidade”.
A viceportavoz popular concretou que o anteproxecto de lei xa foi sometido a trámite de exposición pública, debatido no grupo de traballo responsable da súa elaboración e xa se incorporaron todas as propostas e alegacións dos distintos sectores implicados que foron consideradas pertinentes. Deste xeito, asegurou que “moitas das modificacións que pretende a proposición do Grupo Común de Esquerda xa constan no anteproxecto da Xunta, xunto con propostas que achegaron os colectivos afectados que non se verían satisfeitas coa modificación proposta polo grupo parlamentario”.