Santiago, 22 de outubro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, insistiu hoxe na necesidade de que a Xunta esixa e vixíe o cumprimento do concerto co Hospital POVISA de Vigo, diante da posibilidade do cambio da titularidade do mesmo, garantindo a calidade asistencial nesta área sanitaria e o mantemento dos postos de traballo deste centro médico.
Aurelio Núñez lembrou que “esta venda é unha operación mercantil entre empresas e enmárcase na situación actual de concentración de centros sanitarios en grandes grupos, pola necesidade de compartir recursos, agrupar compras e profesionalizar a asistencia e a xestión dos mesmos”.
“Ribera Salud é unha empresa especializada en atención sanitaria en España que se fará cargo do Hospital POVISA, do cadro de persoal e do concerto actual, que ten obriga de cumprir polo menos ata o seu remate no ano 2022”, indicou.
INCONGRUENCIA NACIONALISTA
Na súa intervención, o portavoz popular criticou “a incongruencia” dos nacionalistas galegos, e lembrou que “o Goberno bipartito ao que pertencían asinou, coas centrais sindicais, a Confederación de Empresarios de Galicia, a Universidade de Vigo e o propio Hospital POVISA, o acordo básico pola saúde na área sanitaria de Vigo, un exemplo evidente da defensa da colaboración público-privada naqueles intres no que o seu goberno prometía un novo hospital público para a área de Vigo, que non pasou de maqueta”.
“Agora o BNG insiste na nacionalización ou expropiación do Hospital POVISA por parte da Xunta, apelando a unha suposta declaración de interese público que non acertamos a entender”, dixo Aurelio Núñez, quen cuestionou “por que non tomaron daquela a decisión que piden agora e que afirman que é factible?”.