Santiago, 31 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega demandou hoxe ao presidente da Deputación de Lugo “pactos a nivel provincial para a execución dos proxectos das residencias de maiores, o incremento do Plan Único, maior dotación para o mantemento de vías provinciais, reforzar o servizo de teleasistencia, a mellora do abastecemento da auga e a promoción turística”.
Na comparecencia do presidente da Deputación de Lugo sobre os orzamentos desta institución para 2020, Daniel Vega reclamoulle “menos electoralismo e máis pragmatismo, é dicir, unha colaboración institucional verdadeira para levar adiante as actuacións que precisan todos os lucenses”.
Vega incidiu que “agora nos veña con que na Deputación de Lugo se recuperou a normalidade” e lembrou que “o que había eran as súas pelexas, trasladando á Deputación un problema interno do Partido Socialista”.
FALAR DE UTOPÍAS
Así mesmo, criticou que “non viñera ao Parlamento a explicar os orzamentos da Deputación Provincial para o 2020, porque veu falar de utopías”. “Os socialistas sempre van facer, pero nunca concretan cando ou como o van facer”, sinalou.
Daniel Vega criticou que os discursos dos grupos da oposición no Parlamento “foron de adulación permanente para o presidente da Deputación, limitándose a facer oposición ao Goberno da Xunta”.
Respecto da situación de Alcoa, o deputado popular lamentou que desde a Deputación “non se liderara un discurso en defensa dos traballadores nin se concretara unha medida que beneficiara o mantemento da factoría en San Cibrao”.
“Unha cousa é facer electoralismo permanente e outra é concertar pactos institucionais polo ben de todos os lucenses”, sinalou Daniel Vega.