Santiago, 06 de setembro de 2019. A deputada popular Raquel Arias manifestou hoxe no Parlamento o indispensable papel do rural na recuperación demográfica nunha comunidade como a galega, “xeneticamente rural”. Neste sentido, destacou o “bo funcionamento” do Plan de fixación de poboación no rural 2017-2020, que un ano antes de rematar xa leva executado máis do 100 por cento do orzamento previsto inicialmente, de 232 millóns de euros”.
Raquel Arias dixo que “o cambio demográfico é unha prioridade estratéxica para a Xunta e que afronta de forma transversal”, como demostra a tramitación da Lei de Impulso Demográfico, a primeira de España destas características, que antes de que remate o ano será debatida no Parlamento.
UN RURAL CON FUTURO
Na súa intervención, explicou que o Plan de fixación de poboación no rural pretende favorecer o asentamento nos concellos menos poboados de Galicia con múltiples medidas, entre as que Arias destacou a partida para garantir a remuda xeracional no agro. “Máis de 3.000 mozos decidiron quedarse ou ir vivir ao rural en dous anos”, sinalou a deputada.
A parlamentaria expuxo outras accións da Xunta postas en marcha para artellar “un rural máis eficiente, sostible, cohesionado, competitivo e con futuro” e destacou o traballo conxunto de todas as consellerías para acadar este obxectivo.
En concreto, referiuse aos programas de emprego Galicia Rural Emprende ou Aprol Rural, así como as accións formativas en materia agrícola e gandeira nas que participaron na última década máis de 64.300 persoas. Raquel Arias destacou tamén a relevancia de programas como Impostos cero no rural, do que se beneficiaron xa máis de 53.000 galegos; a extensión da banda larga a todo o territorio; ou as casas niño e as casas do maior, recursos de conciliación e benestar específicos para concellos de menos de 5.000 habitantes.
PASIVIDADE DO ESTADO
A deputada popular contrapuxo a “implicación en materia demográfica dun goberno estable e fiable como a Xunta” coa “pasividade do Goberno do Estado en funcións”. “Dende marzo xa non hai ninguén á fronte do Comisionado polo Reto Demográfico, sumando cinco meses sen que ninguén se preocupe dun tema vital para o noso futuro”, dixo Arias.
Do mesmo xeito, “Sánchez deixa no aire moitas medidas e servizos vitais para a poboación ao negarse a transferir a Galicia os 700 millóns que lle corresponden” e lamentou que “mentres outros representantes socialistas reclaman a súa parte activamente, os socialistas de Caballero calan”.