20, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou este venres que Ana Pontón pretendese “desinformar” aos galegos sobre a realidade do naval na nosa Comunidade. Deste xeito, salientou que a portavoz nacional do BNG “critica que Feijóo se preocupe por un sector industrial clave, pero non se lle escoita dicir nada sobre que o Goberno Sánchez teña aos traballadores da ría de Ferrol de brazos cruzados pola parálise de proxectos coma as Fragatas F-110”.
“É unha vergonza que os nacionalistas carguen contra unha Xunta que sempre pelexou polo noso naval, mentres gardan un silencio cómplice cun Goberno Central socialista que volve ser unha ameaza para a industria, como xa o foron no pasado”, incidiu o secretario xeral. No mesmo sentido, sinalou que “unhas declaracións coma as de Ana Pontón só se poden entender desde o máis profundo descoñecemento ou desde a vontade de enganar á cidadanía.
No mesmo sentido, Tellado lembrou que os dous floteis que os nacionalistas din que non se construíron supuxeron un investimento de 320 millóns de euros nun momento no que os socialistas non deixaran ningún encargo en carteira. “Só en Navantia, o flotel aportou un millón de horas de traballo na ría de Ferrol e 130.000 de enxeñaría”, destacou, para concluír que “o BNG demostrou que nunca creu nese proxecto, pero que minta así sobre el é inaceptable”.