Santiago, 27 de setembro de 2019.- O Pleno do Parlamento aprobou hoxe 57 resolucións no Debate sobre o Estado da Autonomía, das que 24 saíron adiante logo de acordos entre o Grupo Popular e os grupos da oposición. O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, sinalou que «este Debate do Estado da Autonomía demostrou que este Goberno, e a maioría parlamentaria que o sustenta, teñen máis impulso e máis ganas de traballar por Galicia ca nunca» e contrapúxoo con que «en fronte tamén vemos unha alternativa menos sólida ca nunca».
Miguel Tellado salientou que máis do 40 por cento das resolucións aprobadas no Debate sobre o Estado da Autonomía “saíran adiante logo de acordos cos grupos da oposición, a través de transaccións ou co voto directo do Grupo Popular, o que demostra o talante dialogante, negociador e aberto ao consenso do Partido Popular de Galicia”.
GOBERNO QUE GOBERNA
Así mesmo, lembrou que o Presidente Feijóo presentouse este mércores ante toda Galicia con medidas «para xestionar a Galicia dos vindeiros 12 meses e para planificar a Galicia dos vindeiros 12 anos”. «Porque iso é o que fai un Goberno que goberna: estuda os problemas da súa terra, pensa, planifica e traballa para solucionalos», salientou.
Así, comparou a realidade da Xunta coa dun Goberno central «que non Goberna, que crea problemas onde non os había, utiliza os recursos do Goberno en facer campaña electoral e supedita os intereses dun territorio aos intereses do partido e do presidente».
Deste modo, incidiu na «longa lista de agravios e traizóns que cometeu Sánchez con Galicia nestes meses» e exemplificouno coa débeda impagada de 700 millóns de euros, a ralentización do naval, a negativa a aprobar o estatuto de electrointensivas, a vontade de pechar ENCE, o dieselazo e a contracción do sector do automóbil ou o peche das térmicas.