24, agosto, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, instou a Gonzalo Caballero a que o PSdeG lle retire a confianza ao alcalde inhabilitado de Cerceda, José García Liñares.
Tellado, ante a negativa do rexedor a renunciar ao bastón de mando, considera que o PSdeG debería tomar cartas no asunto canto antes, polo que salientou que os socialistas teñen dúas opcións: apartar a García Liñares da alcaldía ou facerlle unha moción de censura. Neste punto, lembrou que os socialistas teñen maioría en Cerceda.
Así, o número dous do PPdeG instou ao líder dos socialistas galegos a que aclare se vai tomar algunha acción ao respecto ou se pola contra seguirá mirando para outro lado e desentendéndose da súa responsabilidade, ante unha sentenza que inhabilita a García Liñares durante oito anos para exercer un cargo público por prevaricación administrativa. Neste senso, subliñou que a quen ten que respectar Gonzalo Caballero é á Xustiza.
Tellado indicou que os socialistas galegos deben abandonar o silencio e dicir se van seguir posicionados do lado do alcalde ou dos veciños de Cerceda, aos que o mantemento do rexedor no cargo e a súa toma de decisións pode prexudicalos.
Do mesmo xeito, o secretario xeral do PPdeG fixo fincapé no cinismo e na hipocrisía dos socialistas, os que presumen, dixo, de código ético, pero que no momento de aplicalo só é papel mollado.