Santiago, 2 de maio de 2019.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo salientou hoxe no Parlamento que a incorporación dun novo cirurxián pediátrico ao Hospital de Ourense hai agora un ano permitiu que este servizo recuperara a súa normalidade, conseguindo unha redución da lista de espera cirúrxica dun 50 por cento e do tempo de espera medio dun 35 por cento.
Marta Rodríguez-Vispo lembrou que o anterior cirurxián pediátrico do Complexo Hospitalario de Ourense xubilouse ao inicio de 2018 e no mes de maio dese mesmo ano procedeuse á contratación dun novo cirurxián, co que se recuperou a actividade que sempre tivo a unidade.
INCREMENTO DA ACTIVIDADE E CONSULTAS EXTERNAS
“Deste xeito, a actividade cirúrxica incrementouse nun 27 por cento e as consultas externas nun 16 por cento, conseguindo descensos continuos no número de pacientes nas listas de espera cirúrxica e de consultas, ata o punto que neste momento non existe demora para as primeiras consultas externas”, indicou.
Ademais, Rodríguez-Vispo engadiu que “non quedan pacientes pendentes de prioridade 1 nin 2, e unicamente resta algún de prioridade 3 como consecuencia principalmente da necesidade de coordinación con outras especialidades cirúrxicas”.
DERIVACIÓNS A VIGO
Respecto da derivación de pacientes ao Complexo Hospitalario de Vigo, a deputada popular explicou que “se trata de intervencións que pola súa complexidade ou especificidade deben ser concentradas en centros cun número de casos mínimo”.
“A opinión dos médicos e técnicos di que compartir e derivar ao Hospital de Vigo estes casos mellora a calidade da prestación e garante unha mellor asistencia”, asegurou.