Santiago, 2 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se lle solicita ao Goberno Central retomar os criterios de distribución dos fondos ás comunidades autónomas para políticas activas de emprego, nos que se primaba ás comunidades que como Galicia están a impulsar programas pioneiros e innovadores que favorecen a creación de emprego estable e con futuro.
O viceportavoz Miguel Tellado explicou que o executivo de Pedro Sánchez impulsou desde a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais unha variación destes criterios na que se reduce a importancia que se estaba dando ao cumprimento de obxectivos establecidos polo Plan Anual de Políticas de Emprego. En cambio, utiliza uns datos e estatísticas que non teñen en conta para nada a efectividade das políticas a prol do emprego.
PENALIZA A GALICIA
Tellado incidiu en que “este novo sistema prexudica claramente a Galicia porque levará consigo a unha paulatina redución do peso que tiñamos na distribución dos fondos ás administracións autonómicas, penalizando os nosos bos resultados na evolución do desemprego durante os últimos anos”. Así, lembrou algún dos datos coñecidos na última Enquisa de Poboación Activa (EPA) para ilustrar esta realidade, como que a taxa de paro está moi por debaixo do nivel de 2010 e segue sendo mellor que a de España en 2,23 puntos.
Do mesmo xeito, Miguel Tellado subliñou que “na nosa comunidade se elaborou a Axenda 20 coa que se impulsa o traballo e a formación de calidade para incrementar as oportunidades laborais dos galegos; así coma o programa Galicia Emprega, co que se está apoiando a formación e a contratación de 1.100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas e persoas con capacidades diferentes cun orzamento de 9,4 millóns de euros, un 9% máis que en 2018”.
O viceportavoz concluíu que “os datos din que temos un balance que nos lexitima para presentar esta iniciativa” e prognosticou que “nesta vindeira lexislatura nacional imos falar moito de emprego, e seguramente poucas veces vai ser por noticias positivas”.