Santiago, 29 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que en Galicia se manteña a condición de familia numerosa de tipo especial mentres un dos fillos cumpra as condicións de idade, convivencia e dependencia dos país que esixe a lei, na liña das últimas sentenzas xudiciais e de acordo á recomendación do Defensor del Pueblo.
Así mesmo, pídese ao Goberno de España que modifique a súa recomendación na materia para recuperar a homoxeneidade a nivel nacional.
A portavoz de Servizos Sociais, Marta Rodríguez Arias, explicou que en Galicia existen preto de 25.000 familias numerosas, da que máis de 2.250 son de categoría especial. A Lei de familias numerosas fixa como de categoría especial aquelas familias con 5 ou máis fillos; catro fillos, cando alo menos tres procedan de parto, adopción ou acollemento múltiple, ao cando os seus ingresos non superen o 75 por cento do IPREM.
REFORMA DA LEI
Na súa intervención, a portavoz popular lembrou que o Goberno central levou a cabo unha reforma desta lei para manter o título de familia numerosa ata que o último dos fillos cumpra a idade establecida na Lei. “Pero esta reforma evitaba que os irmáns menores, que teñen xerado o dereito ao título para a familia, non poidan gozar dos seus beneficios porque os irmáns maiores alcanzan a idade máxima establecida e deixan de contabilizar como parte da unidade familiar”, engadiu.
“Porén, esta modificación introducida na lei suscitou moitas dúbidas e discrepancias de interpretación, polo que desde a Xunta de Galicia solicitouse en dúas ocasións aclaracións ao Goberno central, e en ambas ocasións o pronunciamento do Ministerio foi claro e inflexible: non é posible manter a categoría especial de familia numerosa cando o número de fillos queda por baixo do establecido”, indicou.
Marta Rodríguez sinalou que “existen múltiples pronunciamentos que contradín a normativa, como a recomendación do Defensor del Pueblo de abril de 2017 ou a máis recente sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de abril, que fixa que as familias numerosas de carácter especial conserven o título e a categoría mentres alo menos un dos fillos cumpra as condicións de idade, convivencia e dependencia dos pais”.
“Diante desta nova situación, é preciso acordar os efectos retroactivos da sentenza do Tribunal Supremo, xa que o informe da Avogacía do Estado deixa en mans das comunidades autónomas a decisión de aplicar ou non o criterio deste a entrada en vigor da modificación da Lei en 2015”, manifestou a portavoz popular, quen tamén considerou “preciso que o Goberno central presente unha interpretación homoxénea adecuada ao que veñen expresando os tribunais nas súas sentenzas en beneficio das familias numerosas de carácter especial”.