Santiago, 12 de xuño de 2019.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, incidiu hoxe no Pleno que a formación profesional dual “é una aposta decidida da Xunta, porque a considera unha oportunidade tanto para a mellora da formación do alumnado como de acceso ao mercado laboral en mellores condicións”.
César Fernández explicou que a Rede de dinamización da FP Dual “é a acción deseñada pola Xunta para cumprir co compromiso previsto de captación de empresas e creación de prazas a través do financiamento da figura do persoal de prospección de empresas”. Esta Rede de dinamización conta con financiamento europeo, o que implica que hai uns indicadores a cumprir para avaliar o uso axeitado dos fondos recibidos.
Na súa intervención, o portavoz popular salientou “o crecemento experimentado pola FP Dual nos últimos anos, chegando desde a súa posta en marcha a máis de 1.000 alumnos e contando coa colaboración de máis de 200 empresas e asociacións”. A día de hoxe, a FP Dual oferta 127 ciclos, en 66 titulacións diferentes nun total de 42 centros educativos.