Santiago, 13 de febreiro de 2019.- O Parlamento galego aprobou este mércores unha proposición non de lei do Grupo Popular na que se demandan medidas para actuar de forma urxente ante a situación de emerxencia humanitaria que vive Venezuela por estes anos de sometemento ao réxime bolivariano. No mesmo sentido, exprésase o apoio á Asemblea Nacional lexítima e democraticamente elixida polo pobo venezolano, así como ao seu presidente, Juan Guaidó.
A través desta iniciativa parlamentaria apóstase polo inicio dun proceso de normalización democrática en Venezuela, dando paso a unhas eleccións libres organizadas segundo as normas que dite a Asemblea Nacional, con todas as garantías que exixe a comunidade internacional, e que poña fin a este proceso de réxime autoritario que conculca de xeito cotián os dereitos individuais, sociais e políticos dos cidadáns venezolanos.
Na súa intervención, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, manifestou que “Galicia debe asumir o compromiso, como fixo ata agora, de axudar aos galegos de Venezuela para saír desta situación na que se encontran e avanzar cara o camiño da prosperidade e do benestar, como achega á recuperación do pobo venezolano”.
Ademais, destacou que “Galicia non pode ser allea” ao que acontece en Venezuela, dados os vínculos históricos que temos co país latinoamericano, no que aínda viven milleiros de galegos. Por isto, o grupo maioritario da Cámara galega decidiu levar esta iniciativa, como xa fixeron os populares na Eurocámara, e agradeceu o apoio brindado polos socialistas.
Sobre a votación no Parlamento Europeo, Tellado reprochoulle ao BNG que a súa eurodeputada votase o mesmo ca boa parte da ultradereita de diversos países. Do mesmo xeito, lamentou que as Mareas de Podemos “seguen coa camiseta do chavismo posta”. “Está na súa man apoiar os intereses de Galicia e dos nosos compatriotas, en vez de apoiar a un ditador polo mero feito de serlles afín ideoloxicamente”, concluíu.