Santiago, 19 de febreiro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a realizar un estudo sobre o impacto do deseño na economía galega, co obxectivo de coñecer con detalle a súa dimensión e establecer unha comparativa co resto das comunidades autónomas.
A deputada popular Sandra Vázquez sinalou que “o deseño para a innovación ocupa un lugar destacado na estratexia actual de crecemento, mercado interior, industria, emprendemento e das pequenas e medianas empresas”. “Hai un amplo consenso europeo en que a innovación impulsada polo deseño aumenta a eficiencia nos servizos públicos e potencia o crecemento industrial”, manifestou.
INICIATIVA PIONEIRA
Neste sentido, salientou que “Galicia converteuse o pasado mes de xuño na primeira comunidade en definir unha política de promoción do deseño coa posta en marcha do programa Deseño para a Innovación 2020”. Sandra Vázquez apuntou que “se trata dunha iniciativa pioneira que pretende impulsar a innovación e a competitividade do tecido empresarial galego con atención ás pequenas e medianas empresas”.
Deste xeito, e co obxectivo de avanzar neste ámbito, a deputada popular considerou “oportuno desenvolver outras actuacións que permitan un coñecemento mellor sobre a realidade do deseño en Galicia e o impacto que ten na economía galega, aproveitando no posible estudos que poidan existir a nivel nacional ou doutras comunidades autónomas co obxecto de establecer comparacións”.