Santiago, 21 de febreiro de 2019.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, incidiu hoxe no Parlamento que “a Xunta valorará a transferencia da titularidade da ponte de Catoira cando estea en perfecto estado e condicións óptimas logo dos traballos pendentes por parte das deputacións provinciais e A Coruña e Pontevedra”.
Martín Fernández indicou que “o primordial neste momento é que as actuais administracións titulares destas estradas e da ponte, que son as deputacións provinciais, realicen os traballos de conservación necesarios, dado que teñen recursos económicos suficientes para facelo”.
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “xa o pasado 30 de outubro aprobamos neste Parlamento unha proposición non de lei á través da que se solicitaba ás deputacións provinciais de Pontevedra e A Coruña que acometesen as actuacións necesarias para garantir o bo estado da ponte de Catoira”, unha iniciativa que se sumaba á resolución aprobada no Debate sobre o Estado da Autonomía do pasado ano na que se instaba a todas as administracións públicas a manter o programa de inspección de pontes e outras obras de paso para o seu correcto mantemento.