Santiago, 26 de marzo de 2019.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, criticou hoxe no Parlamento que os grupos da oposición “manteñan un debate artificial sobre o uso do galego, intentando converter a lingua en elemento de confrontación”.
“Afortunadamente a sociedade galega ten demostrado que é unha sociedade intelixente, responsable e que defende a súa lingua e a súa cultura, do mesmo xeito que o fai o PPdeG na defensa da nosa cultura, identidade e lingua”.
Deste xeito, no debate dunha moción socialista sobre o galego, o Grupo Popular apoiou a aprobación dos puntos nos que se demanda á Xunta que garanta que ao remate das etapas educativas nas que o ensino da lingua galega sexa obrigatoria, o alumnado coñeza nos seus niveis oral e escrito a lingua galega en igualdade que o castelán. Ademais, pídese que se manteña a esixencia da acreditación do coñecemento da lingua galega nos procesos de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes, así como no acceso aos postos da Administración xeral autonómica de Galicia.
Porén, o Grupo Popular rexeitou a derrogación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que pedía o Grupo Socialista, porque “está demostrado que esta normativa está a funcionar e así o acredita o nivel de coñecemento da lingua galega: o máis alto da historia da nosa comunidade a autónoma, ao chegar ao 98 por cento da cidadanía que o entende e fala”.
César Fernández criticou que a oposición “intente crear un debate artificial que non existe nin nas escolas nin nas casas dos galegos, porque a lingua galega non é un problema na nosa sociedade, senón máis ben un modelo para outras comunidades autónomas con lingua propia”.