Santiago, 16 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno do Estado que, no ámbito da negociación do brexit, asegure o acceso aos caladoiros británicos do Gran Sol e das Malvinas e que este aspecto supedite o acceso aos mercados europeos dos produtos pesqueiros británicos.
Así mesmo, demándase que o Parlamento Europeo e o Consello Europeo inicien os trámites para negociar un acordo pesqueiro co Reino Unido que impida que haxa un baleiro normativo-xurídico que leve a un corte no acceso pesqueiro aos caladoiros de Gran Sol e Malvinas.
A portavoz do Mar, Teresa Egerique, afirmou que “a posibilidade dun brexit duro sen acordo poría en risco a actividade de 66 barcos galegos que faenan en Gran Sol, outros 30 de armadores galegos pero con bandeira británica e 20 pesqueiros máis que pescan nas illas Malvinas, cun total de máis de 1.700 tripulantes afectados”.
“Entendemos que garantir o acceso ás augas este ano é fundamental para, mentres tanto, negociar o xeito de saída do Reino Unido da Unión Europea, algo no que desde o principio apostamos por un acordo que implique o mantemento do statu quo”, sinalou Egerique.
FACER DO BREXIT UNHA OPORTUNIDADE
Na súa intervención, a portavoz popular salientou “o importante papel que xogou a Xunta, a través da Consellería do Mar, desde primeiro minuto traballando na obtención do maior número de argumentos para defender os intereses pesqueiros galegos, minimizar o impacto do brexit e facer unha oportunidade desde proceso inédito en Europa”.
Deste xeito, a Consellería encargou unha serie de informes para avaliar as consecuencias do brexit para a pesca galega, analizando aspectos do eido socioeconómico como o posible impacto por cese da pesquería e de acceso ás augas, particularmente dos buques que faenan en augas británicas ou Malvinas”.
“Debemos seguir traballando para anticiparnos e adoptar as medidas necesarias para converter o brexit nunha oportunidade, previndo posibles efectos co obxectivo de que a internacionalización do tecido empresarial continúe crecendo como ata o de agora, xa que as exportacións galegas ao Reino Unido aumentaron un 13,3 por cento o pasado ano, converténdose no cuarto destino ao que máis exporta Galicia”, apuntou.