Santiago, 22 de abril de 2019.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que se manteña en Galicia a condición de familia numerosa de tipo especial mentres un dos fillos cumpra as condicións de idade, convivencia e dependencia dos pais que esixe a lei de protección ás familias, na liña das últimas sentenzas xudiciais e de acordo á recomendación do Defensor del Pueblo.
Así mesmo, demándase ao Goberno central que modifique a súa recomendación na materia, co obxectivo de recuperar a homoxeneidade a nivel nacional en beneficio das familias numerosas de tipo especial.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que a Lei 40/2003 de protección ás familias numerosas sinala que para poder recoñecer e manter a condición de familia numerosa, os fillos deben ser menores de 21 anos, ser discapacitados ou estar incapacitados para traballar, calquera que fose a súa idade, debendo convivir co ascendente ou ascendentes e depender economicamente deles. Este límite de idade amplíase ata os 25 anos cando os fillos cursan estudos adecuados á súa idade e titulación ou encamiñados á obter un posto de traballo.
REFORMA DE 2015
Esta lei sufriu unha reforma no ano 2015 para seguir mantendo os efectos do título oficial de familia numerosa cando os irmáns maiores van deixando de cumprir os requisitos. Porén, debido a unha interpretación restritiva do articulado levado a cabo polo Goberno central, aínda que a condición de familia numerosa se mantén, a categoría de “especial” desaparece.
“Esta situación está a xerar unha discriminación no seo destas familias, que ven con impotencia como os irmáns menores que xeraron o dereito a ese título de familia numerosa de categoría especial, logo non poden gozar deses beneficios que o título lles confire”, sinalou a viceportavoz popular.
No caso concreto de Galicia, as familias numerosas especiais, que no ano 2018 eran máis de 2.200, están a ver que cando o fillo ou filla maior alcanza os 21 anos (ou os 25 se cursan estudos superiores) perden automaticamente a condición de especiais e pasan a ser consideradas como xerais. “Diante desta situación, o Goberno galego ten reclamado en múltiples ocasións aclaracións sobre a norma ao Goberno central, único competente para lexislar a normativa sobre familias numerosas, pero a resposta recibida sempre foi a mesma: a esixencia dunha estrita e literal interpretación da norma, non dando lugar a unha interpretación máis flexible”, concretou.
Paula Prado apuntou que “esta inmobilidade do Goberno central contrasta con diversas sentenzas recentes emitidas por xulgados, Tribunais Superiores ou o Tribunal Supremo, así como o propio Defensor del Pueblo, apoiando unha interpretación flexible da lei e manifestando que nestes casos non só se debe manter o título, senón tamén debe respectarse a categoría”.