25, abril, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, durante un mitin na Coruña, pediu o voto este domingo para o Partido Popular, porque hai tantas razóns como había en xuño de 2016 e máis riscos con Pedro Sánchez como presidente do Goberno. Así, salientou que entre os motivos está evitar o bloqueo do país, a inestabilidade e a frivolidade.
Do mesmo xeito, advertiu do risco de que a división do voto favoreza xustamente o contrario do que se pensa; de que habendo máis votos por un goberno haxa máis escanos para outro; e de que Sánchez siga ignorando a Galicia. Por iso, Feijóo fixo fincapé en que só hai un modo de evitar a un Pedro Sánchez que trata de ser presidente a calquera costa: unindo o voto no Partido Popular. Así, tal e como engadiu, “teremos o Goberno de España que queremos os galegos e un Goberno de España que queira aos galegos”.
UN PARTIDO AO SERVIZO DE GALICIA E DE ESPAÑA
O líder do PPdeG indicou que, a pesar dos intentos, ningunha formación durante a campaña se puido equiparar ao Partido Popular, xa que ningunha demostrou o seu compromiso con Galicia nin acreditou a solidez do seu proxecto nin garantiu a súa xestión eficaz e con resultados. “PP só hai un”, dixo Feijóo, quen incidiu en que ningunha ten nin terá a folla de servizos a Galicia e ao resto de España como ten o PP: “Somos un partido galego ao servizo de toda España e somos un partido español ao servizo de toda Galicia”.
O presidente do PPdeG, que remarcou en que o único valor seguro para a estabilidade, a gobernabilidade, a economía, o emprego, as pensións e a responsabilidade é o Partido Popular, sinalou que “ningún voto que prefira outro goberno pode quedar sen escano”. Así, tras os moitos esforzos feitos polos galegos nos últimos anos e ante as advertencias dunha nova desaceleración, apuntou que non se pode entregar a España a Podemos, aos nacionalistas e aos independentistas, a través das mans de Pedro Sánchez: “Non podemos volver repetir a historia de que a xestión frívola e irresponsable de Sánchez desfaga todo o que acadamos nos momentos máis difíciles”.
DERROTAR ÁS ENQUISAS
Por outra banda, referiuse a que ningunha enquisa pode vencer o ánimo da maioría que quere outro goberno e recordou que, se os votantes do PP se contaxiaran polos prognósticos, no 2016 non se tería desbloqueado España do capricho de Sánchez e de Rivera e en Galicia seguiría habendo o Bipatito do PSOE cos nacionalistas. Así, Feijóo avogou por vencer ás enquisas unindo as forzas o domingo, xa que “a única maneira de non gañar as eleccións é quedando na casa sen votar e a única maneira de que gañe Sánchez é que dividamos o voto”.