Santiago, 30 de abril de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno do Estado a concesión discrecional de indulto para o ex presidente dos percebeiros de Lira-Carnota, Manuel Antonio Martínez Lustres, ou cando menos que se lle exima de entrar en prisión en canto non se resolva a petición de indulto, en relación á pena que se lle impuxo por agredir a un furtivo en 2013.
A deputada popular Soraya Salorio lamentou que En Marea, PSOE e BNG rexeitaran aprobar a emenda do Grupo Popular que recollía a solicitude da Federación Provincial de Confrarías de A Coruña para que o Goberno do Estado, unha vez acadada a tipificación como delito de condutas relacionadas co furtivismo, plasmado na reforma do artigo 335 do Código Penal, aplique con maior rigorosidade esta norma e impida que se dean casos graves de furtivismo e free a posibilidade de que xurdan situacións como a vivida na parroquia de Lira no concello de Carnota.
SANCIÓN DESPROPORCIONADA
“O Grupo Popular non avoga para nada pola violencia para solventar o problema do furtivismo, porque entendemos que debe haber outras vías de punición xurídica deste tipo de conflitos”, sinalou a deputada popular, quen asegurou que “sempre estamos do lado do sector, xa que o furtivismo é unha lacra que debe ser erradicada, ademais dun problema económico, social, sanitario e ambiental”.
Soraya Salorio considerou “desproporcionada a sanción imposta ao ex presidente do percebeiros de Lira pola agresión realizada a un furtivo en 2013, máxime cando unha agresión a un gardapesca soe traer aparelladas sancións económicas e penas de prisión menores de dous anos que non conlevan a entrada no cárcere”.
Neste sentido, lembrou que recentemente “veciños, colectivos e confrarías concentráronse en Carnota para pedir o indulto de Manuel Antonio Martínez, expresando o respecto polas decisións xudiciais pero considerando que a sentenza é moi dura, desproporcionada e desmedida”.