Santiago, 5 de abril de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe no Parlamento que o Concello de Vilaboa “centre os seus esforzos na aprobación do Plan Xeral que ordene o municipio e dea a seguridade xurídica desexada por todos”.
Neste sentido, Martín Fernández lembrou que a Xunta remitiu o pasado mes de maio unha resolución ao Concello a través da que se comunicaba a necesidade de cambiar diversas cuestións no Plan Xeral e volvelo a remitir para a súa aprobación definitiva. “Case un ano despois, aínda non se remitiu este novo documento, polo que non parece moi dilixente a actuación do Concello”, indicou.
APLICACIÓN DA NORMATIVA VIXENTE
O portavoz popular criticou que o BNG “pretenda que a Xunta incumpra a legalidade” paralizando a actuación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) no concello de Vilaboa. “A Administración debe aplicar en cada momento a norma vixente, porque do contrario estaría a atentar contra o Estado de Dereito e o principio de legalidade, ademais de crear unha enorme inseguridade xurídica e inxustiza”, apuntou.
Fernández Prado explicou que, “aínda no caso de que se aprobe o no PXOM, a legalización das obras ou actividades afectadas por un expediente de reposición non é automática, senón que os particulares teñen que instar ao Concello a través da oportuna solicitude de licenza que, segundo o caso, será ou non legalizable”.