Santiago, 11 de abril de 2018.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, salientou esta mañá no Parlamento o compromiso do Goberno galego en materia de igualdade no ámbito laboral, tal e como se pon de manifesto co impulso do I Plan de Emprego Feminino 2017-2020, que conta cun orzamento dun millón de euros.
“A aposta do Goberno galego pola igualdade é clara”, asegurou a deputada popular. Neste sentido, referiuse ao VII Plan Estratéxico Galego de Igualdade 2017-2020 que como fins a acadar contén: o fomento do emprego, do autoemprego e do emprendemento feminino; o plan de igualdade no sector público; a erradicación da segregación horizontal e vertical; o incremento da presenza da muller en ámbitos tecnolóxicos e dixitais; ou o Plan de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021. “Este último documento xa está enriba da mesa e se concibe como unha nova forma de pacto social”, explicou Marián García.
Tal e como detallou Marián García, os datos de desemprego feminino están “en caída libre” e “a tendencia de que o paro ten rostro feminino está a mudar”. Así, no mes de marzo, 1.623 mulleres incorporáronse ao mercado laboral fronte aos 1.481 homes.
NIN UNHA SOA LECCIÓN SOCIALISTA EN EMPREGO
A deputada popular recordou tamén que o grupo socialista non está lexitimado para dar “nin unha soa leccións en materia de emprego, porque España nunca tivo tantos parados como cando o PSOE gobernaba: Vostedes destruían emprego a maior ritmo que o PP o crea”.
Para finalizar, García Míguez referiuse á modificación do Estatuto dos Traballadores e da Lei de Igualdade para reducir a fenda salarial, prevista polo Ministerio de Emprego.