Santiago, 16 de abril de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe porque a folga do persoal da Xustiza en Galicia “remate cando antes nun acordo”. Neste sentido, afirmou que “a Xunta está levando a negociación coas persoas indicadas e que coñecen o sector” e apuntou que “están defendendo o interese xeral da Comunidade autónoma fronte a quen representan un interese sectorial”.
A preguntas dos xornalistas, Pedro Puy salientou “a Xunta ten negociado” e lembrou que “ten celebrado 15 reunións con representantes sindicais, ten feito oito ofertas económicas á alza e ten dado cumprimento á proposición non de lei que votamos todos os grupos no Pleno pola que a parte retributiva do complemento autonómico estaría por enriba do resto das CCAA”.
“De acordo con iso, confiamos que se resolvan os puntos máis concretos que quedan pendentes, porque se está xa a xerar un problema con esa duración tan prolongada e pouco frecuente”, sinalou.
Deste xeito, lembrou que a Xunta ten anunciado que esta semana convocará aos sindicatos para pechar a negociación e amosou a súa esperanza de que esta reunión culmine con éxito.
PONENCIAS
O portavoz popular informou, ademais que o Grupo Popular nomeou á portavoz de Igualdade, Marián García, e á viceportavoz, Paula Prado, como representantes na ponencia que elaborará as conclusións da comisión de estudo para a igualdade e os dereitos das mulleres. Esta comisión contou coa presenza de máis de 80 comparecentes, entre a pasada lexislatura e a presente.
Así mesmo, dixo que nos vindeiros días constituirase a ponencia da Comisión de Estudo para a reforma da política forestal, na que o Grupo Popular estará representado polo portavoz do Medio Rural, que estará acompañado polo portavoz de Montes, Silvestre José Balseiros.