Santiago, 19 de abril de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón lamentou hoxe a negativa de En Marea para chegar a un acordo no Parlamento e demandar que a Xunta realice un estudo histórico previo á delimitación para a inclusión da variante da Vía da Prata-Camiño do Sueste ou Camiño Mozárabe que discorre polos barrios de Canedo e Beiro en Ourense. Deste xeito, estas zonas poderán acceder ás axudas do Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago habilitadas dentro do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.
A deputada popular María Antón lembrou que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada no ano 2017, “dedica todo o título VI aos Camiños de Santiago e, máis en concreto, o artigo 76 á delimitación das rutas xacobeas”.
“A delimitación non pode ser arbitraria nin responder a intereses localistas ou economicistas, polo que o estudo histórico resulta imprescindible para determinar se efectivamente o trazado proposto corresponde cun tramo real do Camiño de Santiago”, sinalou.
CAMBIO DE OPINIÓN NO DEBATE
Deste xeito, criticou que En Marea “vincule o recoñecemento do Camiño para optar a un programa determinado, cando o Camiño de Santiago ten valor en si mesmo”. Así, explicou que o Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago “é unha parte das medidas que a Xunta ten en marcha para o impulso da Ruta Xacobea e a conservación do patrimonio construído á súa beira”.
A deputada popular criticou que En Marea rexeitara a emenda presentada polo Grupo Popular na quenda de peche do debate, cando na primeira intervención manifestou a súa disposición a aceptala. “Nin sequera propuxo que negociáramos unha transacción para aprobar un texto consensuado, polo que dubidamos do interese real de En Marea na protección do Camiño de Santiago e no fomento da rehabilitación das vivendas existentes na súa contorna”, sinalou.
María Antón explicou que “a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xa ten delimitados nestes momentos o Camiño Francés, os camiños do Norte, Costa e Primitivo, e o Camiño Inglés, así como todas as rutas no concello de Santiago de Compostela”. “No horizonte do Xacobeo 2021, a pretensión da Xunta é ter rematadas as delimitacións do resto dos camiños: Portugués, Vía da Prata, Fisterra-Muxía e o Camiño de Inverno”, apuntou.