Santiago, 24 de abril de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado instou este martes no Pleno do Parlamento galego aos grupos da oposición a que apoien os Orzamentos Xerais do Estado no Congreso, xa que isto serviría para subir as pensións de 500.000 galegos. “A súa proposición de lei é unha trampa, posto que se saíse adiante poderían subir as pensións dentro de dous anos, cando remate o trámite”, sinalou, para contrapoñer que “aprobando as contas do Estado, poderían subir o mes que vén”.
Incidindo neste punto, tamén apuntou que os orzamentos contemplan deducións fiscais para as rendas máis baixas, “o que significa máis diñeiro nos petos dos galegos”; así como investimentos estratéxicos para a economía galega, como as fragatas F-110, que garantirán unha década de carga de traballo nos estaleiros ferroláns.
“No peor momento da crise, ano 2011, un goberno do Partido Popular desconxelou as pensións e desde esa data as pensións subiron todos os anos” reivindicou Tellado. Tamén lembrou que en 2017 o gasto en pensións foi de 139.637 millóns de euros, o que supón o 40 por cento do orzamento que xestiona o Goberno. “Dixemos que non tocaríamos as pensións durante a crise e cumprímolo”, recalcou.
A ESQUERDA CHEGA MOITOS ANOS TARDE
No mesmo sentido, Miguel Tellado apuntou que este executivo aplicou reformas para mellorar e garantir o futuro das pensións, como a creación do complemento por maternidade para as mulleres traballadoras con dous ou máis fillos, que supuxo una suba do 15 por cento nas súas retribucións e do 6 por cento no caso das de viuvez. “Hoxe páganse en España máis pensións ca nunca, durante máis anos ca nunca e cunha maior contía ca nunca”, insistiu.
Tellado tamén puxo enriba da mesa que medidas como a conxelación das retribucións, o retraso na idade de xubilación e a ampliación dos períodos de cotización se tomaron durante o mandato do socialista José Luis Rodríguez Zapatero e coa conivencia dos sindicatos. “Creo que vostedes chegan varios anos tarde a este debate, porque puideron ter criticado algunha destas medidas cando as aprobaron”, sentenciou.