Santiago, 3 de maio de 2018. O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou hoxe que a Xunta ten previsto entregar nas vindeiras semanas ao Concello de Carnota as obras da rede de saneamento no lugar do Pindo.
Trenor lembrou que estas obras de saneamento supuxeron un investimento superior aos dous millóns de euros, e súmase ás actuacións realizadas nas Cedreiras, O Cancelo e Sofán, e no ámbito dos ríos Mondalijos e Cestelos.
Neste sentido, o portavoz popular lamentou “o retraso sufrido por esta importante obra de saneamento para Carnota, motivado pola quebra da empresa adxudicataria”, e demandou ao Concello “que acometa as obras da súa competencia correspondentes aos ramais secundarios da rede dos núcleos de Ézaro e O Pindo”.
SERVIZO RESPONSABILIDADE DO CONCELLO
“A prestación do servizo de saneamento de Carnota é responsabilidade do Concello, administración que está a prestar este servizo público obrigatorio polo que cobra unha prestación aos seus usuarios”, explicou Gonzalo Trenor. Neste sentido, apuntou que “os ingresos que o Concello obtén coa prestación do servizo deben estar afectos ao propio servizo, deben ir destinados a cubrir o conxunto dos custes que leva consigo esta prestación e deben permitir o correcto mantemento e conservación das infraestruturas do sistema”.
Deste xeito, asegurou que “a Xunta seguirá a colaborar co Concello de Carnota e con todas as administracións locais na mellora da prestación do servizo de saneamento e abastecemento de auga”.