4, maio, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que «Galicia lidera a baixada do desemprego porque tamén lidera a estabilidade institucional no noso país». Coñecidos os datos de paro do mes de abril, o número dous dos populares destacou que estas cifras poderíanse resumir cunha idea moi sinxela: “máis emprego e de maior calidade”.
Deste xeito, puxo en valor que teñamos un goberno autonómico que ten en marcha plans de emprego centrados nas mulleres, nos mozos, e nos parados de longa duración; e que, en definitiva, “traballa cada día por levar a recuperación e a creación de emprego a todos os fogares galegos”. “Nós cremos que estas son unhas cifras e unha tendencia que falan dunhas políticas laborais e económicas acertadas, tanto por parte do Goberno central coma do autonómico”, insistiu.
Cómpre indicar que, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o desemprego caeu un 10,92% -22.338 parados menos, a maior caída de toda a serie histórica-; Galicia foi a Comunidade autónoma na que máis baixa o paro en porcentaxe; supera en máis de catro puntos o ritmo de baixada do resto do Estado e levamos catro anos consecutivos creando emprego. Ademais, no que respecta ás condicións de traballo, a contratación indefinida medrou un 32%, cuadriplicando o crecemento da temporal; superamos en sete puntos o crecemento do resto de España e as contratacións a tempo completo medraron máis dun 10%.
INTERPARLAMENTARIA
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral tamén anunciou que o Partido Popular de Galicia celebrará o vindeiro sábado día 12, en Santiago, a súa interparlamentaria galega. Neste evento reunirase o grupo do Parlamento galego cos deputados e senadores nacionais e co deputado popular no Parlamento Europeo.
No acto, que se desenvolverá en xornada de mañá e estruturarase en mesas redondas e entrevistas cos representantes nas distintas Cámaras, “falaremos e reflexionaremos sobre o traballo feito, pero fundamentalmente sobre o que queda por facer, tratando os temas que lle interesan aos galegos: Emprego e Industria 4.0, Educación e Política Social, do futuro das nosas institucións, de Galicia, de España e de Europa”, apuntou.
Tras admitir que os demais partidos non poderían facer este tipo de reunións, “porque ou non teñen representación noutras institucións ou non poden sentar a deputados nacionais e autonómicos á mesma mesa”, Tellado subliñou que “queda claro que somos un partido que ten pasado e ten un legado do que presumir; que se preocupa do presente, da xestión do día a día e de solucionar os problemas dos nosos veciños; e que traballa para entregarlle aos cidadáns o mellor futuro que estea nas nosas mans”. “Volveremos poñer sobre a mesa que somos un partido que entende a política desde as institucións, que é desde onde se ten a capacidade de mellorar a vida dos galegos”, engadiu.
OS ESCÁNDALOS DAS MAREAS
Por último, Tellado amosouse sorprendido sobre a situación que viven as Mareas de Podemos, “que conseguiron en pouco máis dun mes ir a escándalo por semana só cos deputados da súa lista por Pontevedra”.
“As Mareas de Podemos dixeron que viñan á política para representar á xente do común e nós temos moitas dúbidas de que a xente do común en Galicia intente intimidar a policías ou se dedique a circular con coches sen seguro”, aseverou sinalando que, se esa é a idea que teñen de Galicia e dos galegos, “podemos entender que os galegos non lles queiran dar a súa confianza”.
Nese senso, lembrou que primeiro Paula Quinteiro intentou intimidar a un policía durante uns actos vandálicos, logo Juan Merlo dimitiu por inflar o seu currículo, máis tarde Xoán Hermida -tamén por intentar intimidar a un policía local- dixo que dimitía, despois non o fixo, e finalmente acabou facéndoo; e esta semana Julia Torregrosa recoñeceu ter un coche circulando sen seguro que se veu envolto nun accidente con feridos, ao que ela denomina un “problema administrativo”.
“Desde o Partido Popular de Galicia estamos intrigados por saber se esta trama, máis propia dunha telenovela, terá novos capítulos ou novas temporadas, e se celebrarán unha por provincia”, ironizou Tellado, que recordou que o “caso Quinteiro” segue sen pecharse e que o propio Villares bromea con non dar prazos porque a última vez que o fixo humillárono os seus compañeiros.