Santiago, 29 de maio de 2018. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou porque a sociedade española e galega “tome nota do que se está a dicir por parte dos grupos da oposición: o acoso ao PP ten moito que ver co intento de derrubo do sistema do ano 78”. “En Galicia, hai estabilidade, estamos conseguindo superar retos, tomamos decisións contra a corrupción e non hai relación con ningún asunto que poida enturbar o ambiente político”, afirmou.
A oposición “volve sobre un mesmo obxectivo que xa pretenderon anteriormente criticando as medidas económicas impulsadas polos gobernos do Partido Popular, que no caso de Galicia están a dar resultados como os recentemente publicados polo Foro Económico de Galicia: crecemento do 3,8 por cento no último mes e unhas exportacións que cuadriplican a media do conxunto de España e triplican as da Unión Europea no primeiro trimestre deste ano”, concretou.
MANTER A CONFIANZA DOS GALEGOS
Incidindo no caso de Galicia, o portavoz popular criticou que “hai quen xoga á división e di que fan nova política, pero toman o peor da vella política con difamacións, insinuacións e rumores”. “Desde o PPdeG continuaremos traballando para manter a confianza dos galegos e manter a dignidade da política”, sinalou.
Diante das críticas da oposición pola non inclusión dunha comparecencia do Presidente da Xunta no Pleno, Pedro Puy lembrou que “os grupos da oposición teñen capacidade para controlar ao Goberno e introducir nas sesións plenarias todo aquilo que consideren necesario”. Mostra disto, é que no Pleno da vindeira semana o 83 por cento das iniciativas que compoñen a orde do día son a proposta dos tres grupos da oposición.