Santiago, 5 de xuño de 2018. O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou este martes no Parlamento que “mentres Zapatero duplicou o número de parados, Rajoy deixa un país que crea medio millón de empregos ao ano”. Fíxoo lembrando as palabras da portavoz parlamentaria no Congreso, Margarita Robles, que durante a moción de censura dixo que o modelo de Goberno de Pedro Sánchez será o mesmo có de José Luis Rodríguez Zapatero.
Miguel Tellado reivindicou que Mariano Rajoy recibiu dos socialistas unha taxa de desemprego por enriba do 21 por cento e entrega unha arredor do 16 por cento. Así, tamén fixo un repaso por outros indicadores económicos sobre o balance dos dous últimos presidentes: Zapatero deixou unha economía que decrecía un 1 por cento en 2011 e Rajoy deixa unha economía que leva 3 anos seguidos crecendo por riba do 3 por cento; o socialista deixou o país ao borde do rescate, con 320 puntos de prima de risco e o popular arredor de 100; ningún presidente deixou nunca en España un burato nas contas públicas coma o que deixou Zapatero, cun 9,64 por cento de déficit ao pechar o seu último ano de mandato, mentres Rajoy o deixou ao 3,07 por cento, por debaixo das obrigas que fixa a Unión Europea. Ademais, apuntou que nos anos de Mariano Rajoy creceron as exportacións un 8 por cento, cambiando a balanza de pagos de números vermellos a números verdes.
Do mesmo xeito, Tellado tamén reivindicou a estabilidade política que ten amosado Galicia nos últimos anos, convertida nun “factor diferencial” para a nosa economía. Así, o viceportavoz popular ilustrou o seu argumento lembrando que, segundo os últimos datos coñecidos de emprego, Galicia é por terceiro mes consecutivo a autonomía na que máis baixa o paro, 5 puntos máis cá media española; levamos cinco meses de caída histórica, coa cifra interanual por riba do 10 por cento; os contratos indefinidos medran 2 puntos máis cá media de España e levamos máis de catro anos consecutivos de caída do desemprego e de crecemento na contratación.