Santiago, 13 de xuño de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou hoxe no Parlamento que o BNG “pretenda botar abaixo o sistema organizativo do centro de saúde de Cambados acordado entre os médicos e a Consellería, para abrir as quendas de mañá e tarde sen posibilidades de substitucións por falta de persoal”.
Aurelio Núñez lembrou que o peche do horario de tarde no centro de saúde de Cambados acordouse no ano 2012 “a petición de todos os profesionais médicos deste centro para permitir a autoxestión das ausencias por vacacións dos profesionais, ao tempo que permitía o goce das mesmas durante os meses de verán”.
SEN INCREMENTO DE CONSULTAS
Así mesmo, o portavoz popular demandou ao BNG que “explique onde vai encontrar os médicos de familia e pediatras para substituír aos profesionais existentes, de que centros os quitaría ou que centros deixaría sen eles para cubrir estas substitucións”, tendo en conta a falta de profesionais que existe na sanidade non só a nivel de Galicia senón tamén a nivel de España e Europa.
Núñez Centeno rexeitou, ademais, que a organización existente no centro de saúde de Cambados supoña un incremento de asistencia de pacientes ao PAC. “En contra do que di o BNG, esta situación non se reflexa nas cifras de asistencia rexistradas nos últimos anos, porque non existen diferenzas entre un mes laboral normal, como marzo, e os meses do verán, do mesmo xeito que tampouco existe incremento de consultas asistenciais non urxentes”, sinalou.