Santiago, 19 de xuño de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, demandou hoxe aos socialistas que “agora que gobernan en Madrid, co apoio de Podemos e A Marea, modifique a lexislación que permita a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade”. “Se queren, comprométanse e deixen de facer xestos para a galería, porque se teñen un compromiso coa igualdade aí terán o apoio do Partido Popular”, apuntou.
Paula Prado iniciou a súa intervención amosando o seu pesar polo novo episodio de violencia machista vivida onte en Porriño e animou a “seguir loitando contra a violencia de xénero, porque só entre todos podemos defender a igualdade e rachar con estes comportamentos”.
LECCIÓNS DE IGUALDADE
“Non imos consentir que os grupos da oposición nos dean leccións de igualdade ao Partido Popular”, subliñou, e incidiu que “nós somos de compromisos e feitos na loita contra a violencia de xénero e a igualdade de mulleres e homes, e os xestos os deixamos para vostedes”.
Neste sentido, lembrou que “o pasado mes de marzo presentamos unha proposta para impulsar a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade que os grupos da oposición non aceptaron”, ao tempo que recordou que a oposición non pactou unha soa proposta de resolución en materia de igualdade no Debate sobre o Estado da Autonomía.
Así mesmo, manifestou que na Lei de orzamentos deste ano se pasou de 4 a 5 semanas de baixa por paternidade na Función Pública, co voto en contra da oposición, mentres que as mulleres poden gozar de 22 semanas retribuídas por maternidade.