Santiago, 6 de xullo de 2018.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, salientou hoxe que máis de 13.000 familias galegas se teñen beneficiado nos últimos catro anos do tícket eléctrico, “unha iniciativa ás que se suma desde o pasado ano a Lei de medidas de eficiencia e de garantía no acceso á enerxía eléctrica, que permitirá que ningunha familia con baixos recursos se lle poida cortar a electricidade e a Xunta aboará a metade da factura eléctrica, complementando o bono social”.
Marta Nóvoa criticou que En Marea “volva traer ao debate do Parlamento unha proposta para reducir o imposto da electricidade, pero sen aportar unha soa idea de como substituír o que se recada por este imposto”. “Non sei se a súa proposta sería subir o prezo do diésel, como propón o novo Goberno socialista, unha medida que claramente irá en detrimento das clases medias e baixas”, indicou.
“No PP somos máis de planificar as cousas e, sobre todo de pagar as débedas”, indicou a portavoz popular, quen lembrou que o Goberno socialista de Zapatero “xerou o maior déficit enerxético español da historia, 30.000 millóns de euros, por primar excesivamente as enerxías renovables”.
Nóvoa reiterou que “para nós é clave producir mellor e máis barato, de aí o impulso ás enerxías renovables, pero sempre tendo en conta a seguridade no subministro de enerxía”.