Santiago, 20 de setembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez salientou hoxe no Parlamento “o significativo avance da etiquetaxe en galego” e puxo como exemplo o sector vitivinícola, no que “se pasou dunha ducia de marcas que empregaban a lingua galega nas súas botellas en 2003 a máis de 200 na actualidade”.
Sandra Vázquez lembrou que “a Xunta de Galicia vén expresando o seu apoio a todas as empresas que aposten polo emprego da lingua galega como garantía de calidade e de proximidade dos seus produtos”. Así mesmo, sinalou que o Estatuto Galego do Consumidor recoñece os diferentes dereitos do consumidor e do usuario e indica que se debe propiciar o emprego do galego no etiquetado dos bens, servizos e produtos que se ofrecen no mercado”.
A elección dun ou doutro idioma na etiquetaxe dos produtos “non é unha cuestión lingüística, senón de normativas que non teñen que ver coa lingua e si con cuestións de seguridade alimentaria e comercial”. “A Xunta está comprometida coa promoción da lingua galega no tecido socio-produtivo, pero desde o convencemento de que o galego é útil non desde a imposición nin o incumprimento da normativa”, indicou