Santiago, 25 de setembro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta “está a traballar na posta en marcha dun Plan galego de política familiar, no que se prevé a creación dun rexistro de familias monoparentais e un programa de axudas específico para estas familias”.
Así mesmo, considerou “necesario que as familias monoparentais sexan recoñecidas en todo o territorio español de xeito equivalente”, polo que solicitou ao Goberno central “que lidere a coordinación entre todas as comunidades autónomas co fin de acadar unha definición uniforme das familias monoparentais”.
Marta Rodríguez lembrou que “Galicia conta desde o ano 2011 cunha lei de apoio á familia e á convivencia, na que se establece que a familia, en todas as súas manifestacións e formas de organización, debe ser obxecto de protección por parte dos poderes públicos”.
Esta lei recoñece como familias de especial consideración ás monoparentais, para as que contempla un trato preferente en servizos como o acceso ás escolas infantís, o bono concilia, o bono coidado, as casas niño, a valoración da Risga, os programas de fomento do emprego e inserción laboral, o plan galego de vivenda ou a admisión nos centros educativos públicos.
CONSIDERACIÓN COMO FAMILIAS NUMEROSAS
Na súa intervención, a viceportavoz popular explicou que a Rede estatal de entidades de familias monoparentais “reclama unha lei específica para equipararse ás familias numerosas, un cambio normativo que recoñecería como numerosas ás familias monoparentais con máis de un fillo”.
Neste sentido, lembrou que “no mes de xaneiro de 2017 xa aprobamos no Parlamento galego unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que demandamos ao Goberno central que modifique a lexislación relativa ás familias monoparentais con dous fillos, con fin de que sexan consideradas familias numerosas”.