26, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, salientou, esta tarde, que coa remodelación da Xunta “temos un novo goberno para un novo tempo político, que dará a mellor resposta ás necesidades de Galicia”. Neste senso, destacou que “é un goberno que medra”, ao elevar as áreas de Cultura e Turismo a rango de consellería, recoñecéndoas así como sectores fundamentais da economía e da identidade de Galicia coa vista posta no Xacobeo 2021.
O secretario xeral dos populares galegos considera que as tres novas incorporacións ao executivo autonómico, Carmen Pomar Tojo, Fabiola García e José González, presentan “savia nova e experiencia”, perfís cunha ampla experiencia fóra da vida política. Indicou, tamén, que “Galicia seguirá tendo a estabilidade institucional que hoxe non hai nin no ámbito estatal nin no municipal».
Tellado aproveitou para poñer en valor todo o “excepcional” traballo desenvolvido por Beatriz Mato, primeiro no departamento de Traballo e Benestar e despois no de Medio Ambiente, e por José Manuel como responsable de Política Social. “Son dous conselleiros comprometidos e traballadores, cun proxecto sólido”, dixo.
Neste senso, agradeceulles a súa xenerosidade na decisión de abandonar o goberno para encarar unha nova etapa coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais. “A experiencia acumulada vai ser fundamental para que tanto Ferrol como A Coruña teñan os alcaldes que se merecen”, apuntou o secretario xeral, quen continuou dicindo que o PPdeG, “non só agarda gañar, senón gobernar, polo que ofrecemos o mellor que temos para que iso sexa posible”.