Os deputados galegos populares no Congreso urxen ao Goberno central a rebaixar as peaxes pactadas e a acometer canto antes as melloras prometidas na AP-9.
Despois dunha etapa de Gobernos de España populares que souberon impulsar esta infraestrutura vital para Galicia –coa ampliación da ponte de Rande ou a circunvalación de Santiago-, o PPdeG considera un posible paso atrás inasumible para Galicia a actitude do novo Executivo.
Neste senso afirman que a chegada de Sánchez a Moncloa supuxo que se desvíase o foco de atención das infraestruturas galegas de cara a outros territorios. Deste xeito, ás dúbidas sembradas sobre a alta velocidade que conecta Galicia coa Meseta, súmase a paralización das melloras da AP-9 comprometidas.
Para os populares galegos a actitude do Executivo actual parece estar facéndolle o xogo a partidos como Ciudadanos ou Podemos, que teñen reiterado a súa postura en contra das infraestruturas galegas. Por iso, advirten de que non permitirán que a AP-9 sexa o enésimo campo de batalla no que o Executivo de Pedro Sánchez choque cos intereses dos galegos.
PNL PARA REACTIVAR A AP-9
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular ven de rexistrar unha proposición non de lei na Comisión de Fomento impulsada polos deputados galegos, que insta ao Goberno a expresar o seu compromiso de que as novas obras acometidas en relación a esta autoestrada sexan financiadas con cargo á empresa concesionaria ou aos Orzamentos Xerais do Estado pero, en ningún caso, con cargo a novos incrementos de peaxes aos usuarios.
Do mesmo xeito, o documento presentado insta a adoptar as decisións necesarias para acordar a gratuidade dapeaxe entre Vigo e Redondela, comprometidas polo anterior Goberno e que o Executivo de Sánchez cuestiona e a aprobar as medidas previstas para Chapela en compensación polos prexuízos ocasionados polas obras de ampliación da AP-9.
Esixe ademais licitar as obras de remodelación da ligazón de Pontevedra Norte (Nó de Bombeiros), emitir sen dilación o informe favorable ao entroncamento da Vía Ártabra coa AP-9 e acordar co Concello de Vigo unha proposta de integración urbana da autoestrada AP-9 na cidade.
Do mesmo xeito pide a licitación das obras da ampliación de Alfonso Molina, na cidade da Coruña, para o que debe chegar a un acordo sobre os terreos co Concello e as da Ligazón Orbital de Santiago de Compostela.
Por último, insta a convocar de inmediato a comisión conxunta sobre a AP-9 que integran a Xunta e o Ministerio de Fomento para abordar as cuestións anteriores e outras que poidan ser de interese.
Cabe lembrar os bos resultados acadados por esa comisión. Froito do seu traballo os galegos víronse liberados da obriga de pagar 7 millóns de euros ao ano, 400 millóns de euros ata a fin da concesión, para aboar a bonificación da peaxe dunha autoestrada estatal.