Santiago, 18 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo campañas de concienciación para dar visibilidade á problemática do furtivismo de bañador e rematar así cos problemas que durante os veráns suceden en Galicia cos turistas que desfrutan as súas vacacións nos areais galegos. Así mesmo, incorporouse a emenda de En Marea para que a Xunta dote de máis medios públicos propios de control e vixilancia das praias para evitar todo tipo de furtivismo, creando unha partida no vindeiro orzamento con este obxectivo.
A deputada popular Soraya Salorio lembrou que “as accións furtivas e de fraude poñen en perigo a saúde do consumidor, ao tempo que supoñen un prexuízo económico para os mariscadores profesionais”. Neste sentido, salientou o plan de loita contra o furtivismo que a Xunta puxo en marcha en 2009 para frear a actividade ilegal, que supuxo un aumento nun 35 por cento na media anual de inspeccións, un crecemento do 42 por cento na media anual de infraccións detectadas, unha suba do 41 por cento na media anual de incautacións e un incremento dun 201 por cento na media anual de comisos.
Porén, Soraya Salorio apuntou que “coa chegada do verán as praias das costas galegas énchense de turistas e, en ocasións, prodúcense desagradables situacións pola extracción ilegal do marisco do que viven moitos traballadores que contan co seu correspondente permiso de explotación”. “Para loitar contra este problema precisamos maior concienciación, especialmente nas zonas costeiras nas que conviven areais turísticos con polígonos de marisqueo”, sinalou.
A deputada popular lembrou que a Consellería de Mar desenvolveu durante o pasado verán unha campaña nas praias máis turísticas de Galicia para dar visibilidade á problemática do furtivismo de bañador. “En concreto, percorréronse 35 praias de 21 concellos galegos facendo unha dinámica de xogo educativo que amosou aos turistas todo o traballo que hai detrás do marisqueo, poñen de manifesto que o marisco que está na praia ten dono”, explicou.