Santiago, 23 de outubro de 2018.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Parlamento que “os controis semanais que se están a facer no encoro de A Baxe en Caldas e nas captacións situadas no río Umia en ningún caso teñen detectado presenza de toxina, senón de microcystis, un tipo de alga que lle da á auga ese aspecto de cor verde”.
Gonzalo Trenor explicou que “a Xunta está a realizar mostraxes semanais no encoro para controlar a presenta de cianobacterias, co obxectivo de coñecer a evolución en tempo real e garantindo o estrito control ante posible risco sanitario”. “Os sistemas de potabilización están funcionando correctamente, polo que o consumo de auga, para uso humano e o baño, está garantido e non supón risco para a poboación”, incidiu.
O portavoz popular manifestou que desde o ano 2007 está en marcha o “Programa de Seguimento e Control de cianobacterias en encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa”, un programa no que colaboran estreitamente Augas de Galicia; a Consellería de Medio Ambiente, a través do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia; e a Consellería de Sanidade. “Trátase dun completo programa de actuacións e controis, que está baseado nas directrices da Organización Mundial da Saúde, que foi mellorado e simplificado en 2012 e permite a unificación de criterios e coordinación de esforzos entre todos”, engadiu.
MÁIS DUNHA DÉCADA APLICANDO O PROTOCOLO
“Con este protocolo, que leva máis dunha década aplicándose, asegúrase o estrito control do posible risco sanitario en situacións de proliferacións de cianobacterias, de modo que a intensificación do control nas augas de entrada e saída das estacións de tratamento de auga potable permite a rápida detección de niveis de toxina que puidesen ser prexudiciais para a saúde, para a activación de medidas alternativas de abastecemento”, indicou.
Deste xeito, demandou aos grupos da oposición “un pouco de seriedade, deixar traballar aos técnicos e non xerar alarmas inxustificadas”. Así, criticou que “o que están a pedir é que todos os controis, criterios sanitarios e coordinación de administracións sexan substitutos polo criterio arbitrario dos deputados da oposición, que este protocolo non opere con criterios obxectivos senón por criterios políticos”.