Santiago, 23 de outubro de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe “a vontade da Xunta de crear novos puntos de encontro familiar nas áreas onde se precisen, ofrecendo un servizo de calidade, suficiente, estable e cunha infraestrutura e persoal axeitados, un compromiso que quedará reflectido nos orzamentos para 2019”.
Marta Rodríguez concretou que na actualidade a Rede galega de puntos de encontro familiar está integrada por sete instalacións localizadas nas grandes cidades galegas, nos que se levan investidos máis de 6,8 millóns de euros desde o ano 2009.
Así mesmo, manifestou que a Xunta está a executar desde 2011 un proceso de revisión destas instalacións, co obxectivo de situar todos os puntos de encontro en locais públicos debidamente acondicionados. “Na actualidade, todos estes puntos de encontro están ubicados en locais públicos que compren cos requisitos esixidos pola normativa vixente”, engadiu.